Equipo Dinamización Lingua Galega EOI Pontevedra
sábado, 27 de abril de 2024
DECUBRIMOS AS PALABRAS DO CERTAME DE MICRORRELATO
martes, 16 de abril de 2024
XIV CERTAME DE MICRORRELATO
É o momento de descubrir os vosos superpoderes, eses que levades todo o ano ocultando. Convocamos un curso máis o Certame de microrrelato en galego en colaboración co Concello de Pontevedra.
Será o vindeiro xoves, 25 de abril na aula 16 da central ás 17:30 e está aberto a todo o público. Tamén terá lugar nas seccións. Consulta as bases na seguinte ligazón para coñecer todos os detalles.
Este ano temos uns convidad@s moi especiais para escoller as 3 palabras que serán de uso obrigado nos vosos relatos e que só coñeceredes o mesmo día do certame. A cousa vai sobre banda deseñada, lembrade, así que por aí van os tiros...
Estade atentos ás nosas redes, que pouco a pouco iremos desvelando quen son.
Podes buscar inspiración tamén nos relatos gañadores dos dous últimos anos, que podes atopar aquí.
Por outra banda, tamén vos animamos a visitar a mostra Fina Casalderrey: medrando entre historias, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel. Esta iniciativa de GÁLIX e o Concello de Pontevedra está composta por 20 paneis que narran o percurso vital e literario de Fina Casalderrey. A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.
GRAN ÉXITO DO ROTEIRO "PONTEVEDRA EN FEMININO"
Moitos de vós animástesvos a participar neste roteiro no Día Internacional da Muller. Tanto foi así que ademais do 8 de marzo tivemos que repetir o venres seguinte (15 de marzo).
Agradecémosvos a vosa participación e á nosa guía María Xesús a súa dispoñibilidade e todo o que aprendemos con ela.
Velaquí algunhas estampas das dúas xornadas.
xoves, 22 de febreiro de 2024
PONTEVEDRA EN FEMININO: ROTEIRO GUIADO
Co gallo do Día Internacional da Muller, estamos organizando un roteiro guiado para aprender máis sobre as vidas de mulleres ilustres que lle dan nome a algunhas das rúas da nosa vila. Será o venres, 8 de marzo ás 11:30. Reserva a túa praza!
venres, 16 de febreiro de 2024
NOVAS DO EDLG: CONTOS DA ILLA DE MAN, YOUTUBEIRAS, DÍA DE ROSALÍA E MÁIS
O pasado xoves tivemos a sorte de asistir á charla de Milagros Torrado sobre o folclore da Illa de Man e aprendemos da semellanza con elementos do nosos folclore coma o Urco, a Santa Compaña, o mal de ollo, etc. Dúas alumnas afortunadas tiveron a sorte de gañar unha copia do libro. Aquí podedes ver a nosa alumna Charo con Milagros.
Día de Rosalía: Desde o Concello de Pontevedra e en colaboración coa AELG convídannos a celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este convite está aberto a calquera membro da comunidade educativa que desexe asistir.
O 23 de febreiro, ás 20 horas no centro social do Gorgullón haberá unha lectura pública dos textos de Rosalía que deron pé á restitución social do idioma galego. O acto estará conducido pola poeta Míriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto do Día de Rosalía creado desde AELG para este ano. A ambientación escenográfica será a cargo d'O fruto e a serpe.
Se ademais de asistir queredes ler un texto de Cantares gallegos ou de Follas novas, envíanos un correo electrónico a edlg@eoipontevedra.org coa seguinte información non máis tarde do luns, 19 de febreiro:
- nome e apelidos (no caso de menores, tamén a idade)
- teléfono de contacto
- texto que che gustaría ler
venres, 2 de febreiro de 2024
CONTOS DA ILLA DE MAN
O vindeiro xoves visitaranos Milagros Torrado, docente universitaria e tradutora ao galego de Contos da Illa de Man. Será unha oportunidade fantástica para explorar a interculturalidade. Aprenderemos máis sobre a Illa de Man e sobre a nosa propia cultura. Vémonos no salón de actos! Sortearemos un par de exemplares entre os asistentes.
RECORDANDO O MAGOSTO
O 14 de Novembro visitou a Escola a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular. Pasamos unha tarde moi agradable aprendendo sobre o xogo tradicional e comendo castañas ben quentiñas. Aquí van algunhas fotos e vídeos para o recordo.